Estás enObxectivos

Obxectivos


O IV Foro pretende focalizar o aspecto central da comunicación na cidade e pretende estimular a presentación de ensaios e comunicacións sobre:

  • Os estudos de caso sobre proxectos de comunicación urbana e desde a perspectiva comparada entre cidades, por exemplo, observar a natureza dos asuntos intervidos desde a comunicación, a análise metodolóxica de como intervén a comunicación, o proceder dos actores que fixeron posible a intervención e os resultados destas experiencias. A intención é crear modelos de comunicación aplicables e definir os elementos e conceptos básicos para establecer posteriores patróns de investigación.
  • Investigacións sobre a dinámica comunicacional na cidade: busca de indicadores de cidade comunicada como un modelo que permita facer seguemento da xestión pública do urbano en clave comunicativa e que, ademais, poida converterse nun punto de referencia académico para entender o concepto de cidade comunicada. Vese tamén a aplicación deste modelo en diferentes cidades para avaliar o grao de comunicación existente nelas e como se relaciona coa calidade e coa vida urbana.
  • Investigación conceptual sobre o obxecto da comunicación urbana: vistas ambas as dúas propostas anteriores, e desde a perspectiva dos estudos culturais, haberíase que preguntar en que tradición teórica se podería apoiar o campo da comunicación urbana, se é posible consideralo coma un obxecto académico autónomo, delimitar de que se ocupa e cales son os seus métodos.
  • Estudos teórico-prácticos sobre a opinión pública cidadá: construír cidadanía como parte do proceso de consolidación da democracia é unha tarefa de importancia real. A construción da cidadanía acádase a través de procesos dinámicos de opinión pública sobre temas conflitivos da actualidade urbana. Coñecer o perfil da cidadanía, as súas formas de conexión ao público, as súas opinións e propostas sobre problemas colectivos da vida urbana e o exercicio democrático da participación. Paga a pena profundizar no campo do xornalismo cívico como formador de opinión pública cidadá e deliberante. Ademais, convén establecer outros dous campos de análise igualmente importantes: o das percepcións cidadás e o dos hábitos de consumo de bens e servizos coletivos.
  • Construción dun modelo de comunicación pública: correspóndese cun primeiro inventario de experiencias de transformación das prácticas comunicativas dos poderes locais e rexionais ou para realizar proxectos de intervención en casos de desastre, vencellando aos intereses colectivos coas expectativas cidadás. A cuestión é acadar a consolidación dun modelo formal de unidades de comunicación que sexa replicable nos gobernos locais e rexionais.
  • Modelo de xornalismo urbano: mellorar o traballo xornalístico sobre a cidade, investigando formalmente un modelo de xornalismo urbano ou de xornalismo local coa fin de replicalo en diferentes medios de comunicación do mesmo ámbito.
  • Internet e opinión pública: unha das claves da cidade comunicada é a existencia dunha opinión pública democrática e dinámica. A formación de opinión pública pola arañeira nos contornos urbanos é un dos maiores desafíos: os eixes destes estudos deberían xirar ao redor das novas formas de habitar a cidade, as percepcións e consensos de opinión, a democracia directa e plebiscitaria e as axendas desterritorializadas.
  • Formación de opinión pública cidadá desde a televisión e a radio: as capacidades de penetración destes dous medios, a potencia dos imaxinarios que poñen en xogo constitúen un punto de referencia sobre as representacións que a cidadanía se forma das cidades. No caso da televisión, medio duplamente popular, polo acceso de todas as capas da poboación ás súas mensaxes e polo poder para facer crer e ser a principal fonte de información para a maioría da poboación urbana. Búscanse novos formatos expresamente creados para a construción de opinión pública ben documentada e con capacidade para a deliberación, ademais de para a permanente interlocución cos actores do desenvolvemento urbano e alimentar de xeito sustentable as súas percepcións e propostas de interese público. Tales formatos poderíanse desenvolver para medios comerciais ou públicos.

Todos os temas antes sinalados percorren os complexos itinerarios das cidades e das súas xentes e sobre eles agardamos que poidades prensentar unha reflexión ou experiencia de interese.

Asemade, convidámosvos a pesquisar connosco as prácticas comunicativas que se producen nas cidades, tendo en conta os seguintes campos:

  • A crise da comunicación na cidade: causas, efectos e solucións posibles. As claves da relación entre os procesos de comunicación e información na cidade e na calidade de vida.
  • A comunicación no planeamento urbano: a incorporación da comunicación ás políticas de desenvolvemento urbano por parte dos gobernos locais o que supón introducir a dimensión comunicacional nas políticas e planos de organización dos espazos públicos na cidade; prestación de servizos públicos; xestión do solo urbano; novos desenvolvementos viais, habitacionais e comerciais; deseños arquitectónicos; conservación do patrimonio artístico, cultural e histórico; etc.
  • O papel dos medios de comunicación na cidade: o papel e o uso dos medios de comunicación para axudar a un desenvolvemento urbano harmónico; promover a amizade cívica; a formación dunha cultura de conservación do patrimonio urbano (histórico, cultural, artístico) e a mellora na calidade de vida; fornecer e abrir espazos para a comunicación e reivindicar o dereito á cidade.
  • A información e a comunicación administrativa: mecanismos, sistemas e contidos como elementos substantivos da modernización e da reforma administrativa dos gobernos locais para acadar unha democracia real.


ORGANIZADORES




PATROCINADORES








COLABORADORES